Buscar
..:: Proxecto Castro ::.. Rexistrarse  Entrar
 Proxecto Castro

 

castro2.GIF

No hay verdad tan evidente, que no pueda con algunas sombras obscurecerse;

 ni falsedad tan clara, que no pueda con algunos colores encubrirse

Juan Francisco de Castro

 

 

O “Proxecto Castro” é unha iniciativa da Asociación de Estudos Filosóficos “Dr. Castro” a través da que se pretende planificar e organizar o Estudo das Obras Completas do ilustrado lugués Juan Francisco de Castro Fernández (1721-1790). Con este proxecto a A.E.F. “Dr. Castro” pretende reivindicar para a actualidade a prolixa e erudita labor dun incansable estudoso de indubidable valía ó que o ditame da historia relegou a un segundo plano privando ás xeracións posteriores de galegos, españois e europeos da súa fecunda creación intelectual. O obxectivo final do proxecto é a publicación dun completo e minucioso estudo da inxente obra deste pensador que sirva como primeiro paso para a súa definitiva posta en valor, así como de antesala para a edición crítica dos seus escritos. Este estudo terá como elementos clave de análise as obras publicadas en vida polo propio Castro, así como a obra póstuma e calquera outro escrito inédito que o propio desenvolvemento da investigación vaia sacando á luz.

 

   A complexidade do proxecto é moita, non só polas dificultades implícitas na análise dos textos coñecidos, e os conseguintes estudos conceptuais e comparativos, senón tamén pola localización dos manuscritos inéditos dos que non se coñece reprodución posterior algunha, nin acaso apenas referencias. Isto implica un traballo con resultados a medio ou longo prazo que de seguro causará un impacto positivo na actividade cultural galega dos nosos días e pagará a débeda que Galicia ten cun dos seus máis senlleiros intelectuais

 

 

   OBXECTIVOS

 

   O estudo da obra de Juan Francisco de Castro comprenderá cinco obxectivos xerais que corresponden a cinco áreas de traballo,  cuxa importancia ven da man da novidade dos contidos do propio proxecto:

 

1 . O primeiro obxectivo concentrarase na confección dun estudo diacrónico e crítico da biografía de Castro: avatares biográficos, condicionantes persoais e históricos que o levaron a escribir á súa obra, fontes directrices do seu pensamento e influencias recibidas pola súa formación e circunstancia vital.  A dimensión crítica de tal labor precisará salvar a condición parcial e fragmentaria que conlevaría unha investigación biográfica illada do seu contexto histórico xeral, con un exame das condiciones materiais, sociais e culturais nas que vai inserta a súa vida, é dicir, con un exame que caracterice o fenómeno da Ilustración, facendo fincapé nas manifestacións que este período trouxo consigo a Galicia e, máis concretamente, a cidade de Lugo. Biografía e contexto histórico conformarán así o primeiro obxectivo do noso proxecto, un obxectivo que servirá de base documental para o resto to traballo.

 

2 . O segundo suporá unha análise minuciosa e pormenorizada do contido dos trece volumes que compoñen a  obra editada polo autor entre os anos  1765 y 1790, dende a perspectiva da hermenéutica de textos, da filosofía e da historiografía. O fin último de todo elo será a redacción dun estudio rigoroso e amplo do pensamento do autor, un traballo que poña de manifesto principalmente: a súa xestación e evolución, as directrices fundamentais que o vertebran e o vinculan á proposta das figuras claves do século XVIII galego, as fontes manexadas implícitas e explícitas e  as influencias recibidas, todo elo en vistas a demostrar a súa relevancia e influencia na historia do pensamento posterior.

 

3 . O terceiro obxectivo xeral irá encamiñado a investigación da obra inédita do autor para chegar a acadar una visión completa do seu legado. Este apartado asumirá, a súa vez,  tres obxectivos específicos:

 

·      Por una banda, investigar o paradoiro das copias manuscritas dos textos sen editar ós que fan mención algunhas fontes historiográficas. A escasa información ó respecto (aportada na súa totalidade por Laverde Ruiz no ano 1881, por Meijide Pardo no 1976 e por Neira de Mosquera no 1852) alude a cinco obras inéditas do Doutor Castro:

 

1.            Os manuscritos dos tomos once e doce da súa obra magna “Dios y la Naturaleza

2.            “Elogio del Dialecto Gallego”

3.            “Opúsculo satírico-burlesco censurando los abusos de leguleyos y cursales”

4.            Discurso dirixido á Sociedad Económica

 

·       Por outra, indagar a posibilidade de atopar outros escritos do autor descoñecidos ata agora (cartas, anexos, correccións, escritos sen publicar, documentos civís...),  para sacalos á luz, e con eles, contar con una visión más ampla da súa biografía, personalidade, estilo e pensamento.  

 

·       A terceira labor que inclúe este punto suporá a análise detallada de todo o material atopado, a revisión e organización por contidos dos núcleos temáticos tratados nestas fontes manuscritas, a novidade que puideran aportar respecto dos seus escritos publicados, as causas e circunstancias da súa sorte editorial (especialmente o papel da censura).

 

4 . A partires do obtido das liñas de investigación anteriores, o proxecto buscará establecer:

 

·       As directrices que guían o pensamento xeral do autor (liñas temáticas e argumentais, os obxectivos que persegue, a evolución e condicionantes das súas propostas e a visión dos seus coetáneos respecto da súa obra).

 

·       O contido de cada un dos seus escritos (estilo, fontes bibliográficas implícitas e explícitas, influencias literarias e doutrinais, “detalles de taller” e coherencia argumental).

 

·       A demostración da importancia de Juan Francisco de Castro dentro do movemento ilustrado galego, poñéndoo en comparación co resto de autores destacados na Galicia do século XVIII, e co movemento ilustrado español e europeo.

 

   Por último, o obxectivo final a perseguir polo presente proxecto de investigación será a publicación do estudo obtido, así coma a difusión paulatina dos resultados que vaian aparecendo nos distintos pasos da investigación. Todo elo con vistas, nun futuro, á preparación dunha edición crítica e actualizada da totalidade da obra deste gran descoñecido que é Castro.


  

Copyright - (c) 2017 Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro