A Sociedade Galega de Filosofía
como Asociación que representa os intereses dos profesores de filosofía en Galicia
Manifesta que:
A aplicación da LOE nesta Comunidade pode supor a posible redución da carga horaria da materia obrigatoria Filosofía e Cidadanía do primeiro curso do Bacharelato e a desvalorización do seu contido propiamente filosófico.
Para calquera sistema educativo democrático, como ven sinalando a Unesco desde 1953, resulta básico dedicar un espazo suficiente á reflexión sobre os contidos aprendidos no conxunto das materias, de xeito que os futuros cidadáns dispoñan da posibilidade de articular racionalmente esa peculiar cultura que lles demandará a súa vida intelectual e laboral (política).
Resulta necesario para un programa de universalización e coñecemento, que defenda a mellora e a calidade da Educación, a existencia imprescindible de materias onde os estudantes adquiran ferramentas teóricas e contidos especificamente filosóficos, asegurando así o seu adecuado desenvolvemento intelectual mediante a configuración, articulación e aplicación dos saberes científicos.
Ao marxe a calquera interese gremial, ao que temos dereito como calquera outro traballador, esta redución carecería de toda xustificación á vista do alto valor formativo da citada materia con vistas aos obxectivos establecidos na Lei e no correspondente Decreto para esta etapa do Ensino Secundario.
Polo tanto,
Solicita:
Que a Consellería de Educación desta Comunidade cumpra co seu compromiso educativo, no momento da determinación do 35%do currículo que lle compete, apostando por un ensino de calidade, de xeito tal que manteña a dedicación horaria necesaria para o desenvolvemento dos contidos especificamente filosóficos.
Que a materia de Filosofía e Cidadanía conserve, como mínimo, as tres horas semanais de que dispón a Filosofía actual, necesarias para desenvolver os contidos curriculares imprescindíbeis para acadar os obxectivos educativos establecidos pola Unión Europea para os próximos anos que, tal como se indica no seu Preámbulo, inspiran a concepción mesma da LOE.
Envía a túa adhesión a este manifesto a: sociedadegalegadefilosofia@yahoo.es
Tamén podes participar premendo aqui no Foro da AEF Castro para dar a túa opinión