Buscar
..:: LOMCE ::.. Rexistrarse  Entrar
Contra a redución da filosofía no ensino
O borrador da Lei Orgánica da Calidade Educativa (LOMCE) presentado o 19 de decembro de 2012 polo Ministerio de Educación, contén unha forte redución das ensinanzas da área de filosofía. No que atinxe á Educación Secundaria Obrigatoria, desaparece do plan de estudos do segundo curso a materia troncal de "Educación para a cidadanía e os dereitos humanos", así como tamén a "Educación ético-cívica" como troncal no cuarto curso, convertendo a educación en valores éticos e dereitos humanos nunha simple alternativa a relixión católica, posibilitando que haxa alumnos que rematen a secundaria sen ningún coñecemento das achegas éticas filosóficas. No tocante ao Bacharelato elimínase a "Historia da filosofía" como materia troncal das catro modalidades de Artes, Ciencias, Humanidades e Ciencias sociais, converténdoa nunha optativa que non se ofertará obrigatoriamente en todos os centros. Deste xeito as competencias da área de filosofía dos futuros alumnos veranse gravemente afectadas coa manifesta degradación da educación integral que debe perseguir calquera sistema de ensino público.
Os estudos de filosofía constitúen unha peza esencial para o desenvolvemento social, económico, científico e humanístico no actual contexto histórico. Lonxe dos vellos prexuízos sobre a inutilidade da filosofía, hoxe en día o seu estudo faise máis pertinente que nunca. Nunha sociedade onde as novas tecnoloxías comunicativas ofrecen unha sobredose de información, cómpre ter afianzada a habilidade crítica de discernir as mensaxes pertinentes, competentes e útiles daqueloutras fraudulentas e interesadas. Así mesmo, o desenvolvemento científico e técnico é indiferenciable do deseño de teorías ontolóxicas e antropolóxicas previas, como se pode observar en eidos tan dispares como a astrofísica, a física cuántica, o deseño de estratexias comerciais ou os estudos de mercado. Nin que dicir ten tamén a determinante influencia da filosofía no eido das humanidades nutrindo de conceptos (dende hai vinte cinco séculos), á literatura, ás artes, á relixión e ao pensamento social e político da cultura occidental, de xeito que ningún alumno (e futuro cidadán) pode ter unha verdadeira comprensión dos grandes cambios históricos, como por exemplo o Renacemento, a Ilustración ou a Industrialización, sen a participación esencial dos filósofos.
Por todo iso, a nosa reivindicación non responde a un desexo caprichoso, nin sequera corporativo, senón que a presenza da filosofía no conxunto de materias obrigatorias no ensino constitúe unha necesidade de primeira orde para non privar aos futuros cidadáns da capacidade crítica e creadora da que depende o desenvolvemento da nosa sociedade. En palabras de Russell, "a filosofía debe ser estudada, non polas respostas concretas ao problemas que prantexa, posto que, polo xeral, ningunha resposta precisa pode ser coñecida como verdadeira, senón máis ben polo valor dos problemas mesmos; porque estes problemas amplían a nosa concepción do posible, enriquecen a nosa imaxinación intelectual e diminúen a seguridade dogmática que pecha o espírito á investigación; pero, ante todo, porque pola grandeza do Universo que a filosofía contempla, os espírito faise á súa vez grande, e chega a ser capaz da unión co Universo que constitúe o seu supremo ben" (Os problemas da filosofía) A Asociación de Estudos filosóficos Doutor Castro convídavos a mobilizarvos e participar nas iniciativas que tratan de pór freo ao ataque inxustificado, imprudente e temerario que o Ministerio de Educación leva a cabo contra o ensino da filosofía na educación pública.
Copyright - (c) 2017 Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro