
I.DÍAZ PARDO. HOMENAXE GALEGA
Editado por Fuco Buxán, A.C.
Compilación: Rosa Méndez Fonte.
O principal obxectivo desta obra é profundizar no coñecemento da traxectoria de Isaac nas súas múltiples vertentes: artista, industrial, escritor e galeguista comprometido con Galicia e a súa cultura dende os seus tempos de adolescencia.
Consta de 260 páxinas e cerca de 100 ilustracións e fotografías relativas a Isaac e a súa obra, e recolle as intervencións dos participantes nas Mesas Redondas, do 9 e 23 deste mes, na Fundación Caixa Galicia: Camilo Díaz, Manuel Aznar, Xosé Neira Vilas, Euloxio Ruibal, Fernando Salgado, Fermín Bouza e Andrés Varela.

AS MULLERES NA FILOSOFÍA
Inés Fernández Buján
Esta obra pretende tratar dous aspectos implícitos na ambigüidade do seu título: as mulleres como obxecto e como suxeito do pensamento, é dicir, o que os filósofos pensaron sobre as mulleres e, por outra banda, o que pensaron as mulleres cando accederon ao estudo da filosofía.
Baía Edicións / ISBN 84-96526-48-8

DICIONARIO GALEGO DE FILOSOFÍA
Xosé Manuel Domínguez Prieto, Moisés Lozano Paz
e Manuel Rivas García
Completo dicionario de filosofía con máis de 3000 entradas que inclúe termos de saberes afíns á filosofía, como as ciencias sociais, xurídicas, económicas, psicolóxicas e teolóxicas, e que contén referencias ós autores do pensamento universal e actual
Ed. tresCtres / ISBN 84-933588-9-4

ARREDOR DA VERDADE
Guillermo Domínguez
Guillermo Domínguez recorre a un coidadoso e persoal exercicio de hermenéutica que lle leva a se enfrontar con textos (a veces, a penas frases) esenciais de Aristóteles, Schopenhauer, Platón, Hegel e Wittgenstein no seu camiño a dilucidar a “verdade”
Ed. Xerais / ISBN 84-9782-077-0

CRÓNICA VIVA DO PENSAMENTO GALEGO
Marcelino Agís Villaverde
Marcelino Agís propón como principal obxectivo desta obra levar ó gran público unha visión sintética e esencial do que foi a vida e a obra de figuras senlleiras da nosa vida cultural desde o movemento priscilianista ata a actualidade
Ed. Igesco / ISBN 84-8288-441-7

CONTOS GALEGOS DE TRADICIÓN ORAL
Camiño Noia Campos
Esta colección de contos populares galegos ten interese tanto para o lector que gusta da tradición oral, como para o estudoso dos valores etnográficos ou para o filólogo que aprecia as variantes da nosa lingua e descubre as grandes coincidencias entre os distintos pobos europeos e as peculiaridades propias do folclore galego. Son contos recollidos nos últimos anos do século XX, tal como están na memoria actual dos distintos informantes.
Ed. NigraTrea / ISBN 84-95364-16-6

MANUEL BECERRA, MINISTRO DAS COLONIAS
Luis Rodríguez Rodríguez
“Ninguén tivo tanta facilidade como el para o motín e maila subversión; ninguén, coma el, sentiu no seu sangue a enxurrada revolucionaria e o vivir democrático. Durante corenta e oito anos (1848-1896) mantivo acesa a chama da cultura e da liberdade” Extracto da introdución.
Edicións do Castro / ISBN 84-7492-897-4

SESENTA GALLEGOS ILUSTRES
Francisco Fernández Del Riego
Trátase de sesenta artigos que Fernández del Riego, destacado galeguista, escribiu entre os anos 1956 e 1962 dentro dunha sección fixa titulada “Perfiles gallegos”, asinada cun dos seudónimos habituais do escritor, Cosme Barreiros. Entre outros, o autor fala de Vicetto, Castelao, o Conde de Gondomar, Xoán Montes, Diego Xelmírez, Villar Ponte, Domingo Fontán, Couceiro Freijomil ou Nóvoa Santos
Alvarelos Editora / ISBN 84-85311-21-3